AGUIA Analítica Avanzada vén de culminar con éxito os tres itinerarios do programa BFAero —Incubación (IV edición), Aceleración (V edición) e Consolidación (VI edición)— consolidándose como unha das startups galegas con maior proxección no ámbito dos drons e da intelixencia artificial aplicada á xestión de infraestruturas.
A empresa iniciou o seu percorrido en 2022, cando foi seleccionada para o itinerario de incubación da IV edición, no que desenvolveu o primeiro prototipo de SPA – Smart Pavement Analytics, unha solución que emprega drons e IA para detectar fendas, baches e outros defectos do pavimento, xerar ortoimaxes xeorreferenciadas e calcular índices de estado segundo estándares internacionais.
Tras completar esta etapa, AGUIA continuou avanzando durante a V edición, reforzando a súa tecnoloxía e a súa presenza no ecosistema aeroespacial galego.
En 2025, a compañía deu un novo paso adiante ao ser seleccionada para o itinerario de consolidación da VI edición, destinado a proxectos xa maduros que buscan escalar comercialmente. Este logro reflicte a evolución de AGUIA desde un prototipo inicial ata unha solución innovadora lista para o mercado.
BFAero —unha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia para potenciar o sector aeroespacial e dos vehículos non tripulados— proporcionou a AGUIA financiamento, mentoría especializada e acceso a infraestruturas clave que aceleraron o seu desenvolvemento.
O percorrido de AGUIA polos tres itinerarios de BFAero pon en valor a solidez e o potencial de SPA, unha tecnoloxía que está transformando a inspección de infraestruturas viarias e que acaba de recibir tamén recoñecementos a nivel estatal, como o Premio Innovación 2025 do COIAE.




